A cidadanía mobilizouse de xeito masivo en dez localidades galegas
Máis de 350.000 galegos e galegas claman na rúa contra o «saqueo» que representan os recortes do Goberno do PP
As manifestacións máis multitudinarias en Galicia nos últimos anos
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2012.- Esta tarde, máis de 350.000
persoas participaron en dez manifestacións por todo o territorio galego. De
xeito unitario e masivo clamaron contra o «saqueo» que representan os últimos
recortes aprobados polo Goberno central, en mans do PP, que agravan os efectos
dos impostos semanas e meses atrás.
Na Coruña, en Ferrol, en Santiago de Compostela, en Burela, en Lugo, en
Ourense, no Barco de Valdeorras, en Vilagarcía de Arousa, en Pontevedra e en
Vigo sentiuse o clamor unánime da maioría social deste país. Nesta xornada de
mobilización, os secretarios xerais dos tres sindicatos participaron na marcha
que partiu da coruñesa praza da Palloza, na que foi unha das mobilizacións máis
multitudinarias que se lembran.
Desde a cidade herculina, os dirixentes sindicais denunciaron, unha vez
máis, o «saqueo» que supón para a clase traballadora o novo paquete de medidas,
que cualificaron tamén de «insolidarias», «inxustificadas» e «inxustas».
Advertiron tamén de que este plan de recortes, especialmente lesivo para quen
menos ten, non vai quedar sen resposta.
Para CIG, CCOO e UGT, o «programa oculto» do PP, agora por fin revelado,
ten como obxectivo eliminar dereitos, deteriorar os servizos públicos e
precarizar e desregular o máis posible as condicións de vida e de traballo. Por
iso aprobaron a diminución da prestación por desemprego a partir dos seis meses
do 60 ao 50%, así como o endurecemento dos requisitos para o acceso á renda
activa de inserción ou a suba do tipo xeral do IVE do 18 ao 21% e do reducido
do 8 ao 10%.
Na mesma liña van a supresión da paga extra de Nadal das empregadas e
empregados públicos e da súa negociación colectiva; a redución das empresas e fundacións
públicas; a delimitación da prestación de servizos por parte dos concellos,
reforzando a cambio as deputacións; a liberalización do sector dos servizos e
flexibilización dos horarios comerciais e a privatización dos sectores de
transporte ferroviario, portuario e aeroportos, entre outras. Mentres iso
sucede, os auténticos responsables da crise vense beneficiados por amnistías
fiscais e políticas favorables aos seus intereses.
Aproveitando a súa maioría absoluta tanto en Galicia como no Estado, o PP
estase limitando a gobernar a golpe de decreto. Néganse ao diálogo e converten
as mesas e espazos legais de negociación en simples trámites informativos. Ante
a ausencia de talante democrático de quen goberna, o movemento sindical
expresarase mediante mobilizacións, advirten CCOO, UGT e CIG.