martes, 12 de junio de 2012

Mobilízate contra o recorte dos teus dereitos

Como todos sabedes, a última reforma laboral abríu a porta á xeralización do traballo precario e reducíu sensibelmente os dereitos adquiridos que os traballadores e traballadoras conquistaron ao longo de décadas. De feito, estamos a falar do meirande recorte de dereitos da nosa historia contemporánea.
Dende o sindicalismo de clase seguimos apostando pola unidade dos traballadores para berrar alto e claro o noso rexeite a convertirnos en burros de carga, escravizados pola inseguridade laboral que o goberno do Partido Popular lexislou, concedendo á CEOE o seu benquerido despedimento barato ou incluso gratuíto.
As mentiras dun goberno que falaba de crear emprego, de que nunca seríamos rescatados, de que farían as cousas "como Dios manda", obríganos a dicirlles unha vez máis que a súa maioría absoluta (acadada grazas a un número de votos que noutras eleccións suporía unha derrota electoral) non é unha ditadura.
Porque hai moito que perder. Porque o futuro de todos e todas está en xogo (as pensións dos nosos pais, o noso propio futuro laboral, a educación e traballo dos nosos fillos, etc.). Porque vivimos nunha ditadura liderada polos mercados e lobbys que ninguén votou.

Pola nosa dignidade, non é tempo de baixar os brazos e caer no conformismo (derrotismo).

Acudide á manifestación deste 20 de xuño que sairá da praza da Palloza ás 20:00 horas.