jueves, 15 de noviembre de 2012

Seguimento da folga xeral do 14N a nivel estatal con datos obxectivos

Como xa semella tradición nas xornadas de folga xeral, a guerra de datos entre sindicatos, goberno e patroais é algo que despista á maioría de nós. Aquí, debemos ter en conta a complexidade á hora de calcular ese dato.

Os comités de cada empresa adoitan remitirllo a cadansúa central sindical, pero nin o fan todos os comités (e menos no propio día de folga) nin todas as empresas contan con este organismo (nin moitas menos).

O mesmo pasa cos datos empresariais. Suponse que as patroais reciben datos dos departamentos de RR.HH., pero isto semella acontecer aínda menos que a devandita comunicación entre comités e sindicatos.

Pola súa banda, os gobernos autonómicos envían ao goberno central os seus datos de folga, pero estas baséanse en meras estimacións sen base sólida.

Como derradeira apreciación neste preámbulo, está claro que en todas as partes existe un interese á hora de comunicar a porcentaxe de seguimento das folgas, sobre todo a nivel gubernamental (pois as folgas xerais sempre son en contra das súas políticas).

Entón, como podemos saber con algunha certeza cal foi o seguimento real da folga xeral do 14 de novembro? Todas as partes coinciden na importancia do consumo enerxético para achegarnos á verdade.

A Red Eléctrica de España (REE), empresa adicada en exclusividade ao transporte de enerxía eléctrica e operación de sistemas eléctricos, arroxou o dato final dunha deminución do consumo total de ao redor do 20%. Sobre este dato, goberno e patroal falaron dunha folga de intensidade "media-baixa" (algunhas fontes destes organismos situaban o seguimento da folga ao redor do 23%).

Pero o dato de consumo de enerxía da REE baséase no consumo total enerxético, cando nas folgas débese medir o nivel de carácter produtivo, xa que a enerxía doméstica medra exponencialmente por estaren os fogares "funcionando" a pleno rendemento (e non imos entrar xa no feito de que varios concellos gobernados polo Partido Popular tiñan as farolas funcionando ata ben entrada a tarde, coma no caso da Coruña).

Economistas Frente a la Crisis fan unha medición sobre os datos de consumo enerxético produtivo que, ao final do día de onte, computaba unha caida total do 66.8%. Isto quere dicir que o seguimento da folga foi bastante superior a esta porcentaxe xa que, por poucos traballadores que haxa, certas máquinas e alumbrado xeral das empresas funcionan sempre. De feito, se aplicamos a mesma relación que goberno e patroal manteñen entre os datos de consumo enerxético total e asistencia, daríanos que o 76,82% da masa laboral do Estado terían secundado a folga.

Aínda así, como non todas as empresas teñen un mesmo gasto enerxético por traballador, para nos facer unha idea do apoio á folga xeral o máis axustada á realidade posíbel, é recomendábel ter presente a participación nas manifestacións convocadas ese día.

Enlaces de interese:

http://economistasfrentealacrisis.wordpress.com/2012/11/13/14n-indicador-de-economistas-frente-a-la-crisis-de-seguimiento-de-la-huelga-general/

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2012/11/14/huelga-14-n-farolas-encendidas-coruna-durante-manifestacion/00031352911398565408830.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz